Páxinas

30/03/11

OS CAMPIÓNS DO TORRE ILLA

Parte do alumnado de 3º e 4º de primaria desprazouse esta semana ó ceip San Roque de Corón, onde disputaron as competicións deportivas "Deporte na Escola". Xadrez, fútbol, baloncesto, badminton, voleibol e outras actividades deron conta dos grandes deportistas que temos no cole. Estas competicións, que organizan conxuntamente os centros da bisbarra, son unha gran ocasión para poñer en práctica o aprendido ó longo do curso.

16/03/11

TODOS PODEMOS


Este é o título do proxecto co que a biblioteca da Illa achegou aos nenos e nenas do noso cole a realidade do autismo. Primeiro tiveron ocasión de asistir a unha charla no cole, que ofreceron os profesores do Centro de Educación Especial BATA Os Mecos. E onte, sete nenos e nenas do colexio foron á biblioteca municipal da Illa de Arousa, e cada un levaba un conto para ler. Outros seis nenos do centro de BATA trouxeron tamén os seus contos, adaptados con pictogramas, para compartir con todos. A actividade resultou moi enriquecedora para todos os participantes.

14/03/11

SEMANA DA PRENSA 2011

O xoves 10 e venres 11 de marzo tivemos a "Semana da prensa na escola" e visitaron o noso colexio 3 xornalistas: Serxio González (La Voz de Galicia), Fito ( Faro de Vigo) e Suso Piñeiro (Diario de Arousa). Durante a súa visita tiveron ocasión de achegarse un intre a algunha das aulas, ter un encontro en "usos múltiples" co alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria, e tamén facer unha entrevista en "Radio Carcamán". O alumnado tivo ocasión de coñecer de man dos xornalistas moitos aspectos da profesión, e algúns consellos para escribir mellor. A biblioteca acolleu estes días máis prensa e revistas das que ten habitualmente. Nela tamén traballamos coas edicións dixitais dos xornais. Para escoitar o programa de Radio Carcamán e ver máis imaxes da visita mirade o seguinte video:

04/03/11

ENTROIDO 2011

Hoxe festexamos o Entroido no cole e polas rúas da Illa de Arousa. O tradicional desfile polas rúas rematou na praza do Regueiro, onde todos os cursos cantaron e bailaron a súa canción. Os ananiños do conto de Brancaneves de Educación Ifantil, os magos de 1º, os pintores e pintoras de 2º, as Lady Gaga e acompañantes de 3º, os cociñeiros e cociñeiras de 4º, os mimos de 5º e os zombis de 6º encheron de cor e alegría a xornada, e fixeron pasar un bo rato a todos os que se achegaron a velos no Regueiro. Tamén houbo algunhas indias, doncelas, diablesas e nenos de San Ildefonso, que hai quen non quere deixar marchar a boa sorte. Pasámolo en grande!

03/03/11

A CARBALLEIRA DA ESCOLA

O Torre Illa producirá un pouco máis de osíxeno gracias ás novas árbores que o alumnado e os mestres do colexio plantaron estes días. Son 13 carballos, 2 tilias e 2 sobreiras que, xunto cos bidueiros e moreiras que plantaron o curso pasado, farán un pouco máis verde o noso entorno escolar. O compost do noso composteiro daralle alimento a estas pequenas árbores, que medrarán cos coidados do noso alumnado, cada vez máis concienciados da importancia de coidar o medio ambiente para o futuro do planeta.

02/03/11

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA

O xoves 10 e o venres 11 de marzo será a "Semana da prensa na Escola". Virán ao cole tres xornalistas. Do "Faro de Vigo", do "Diario de Arousa" e de "La Voz de Galicia". Eles axudaránnos a entender un pouco máis o mundo do xornalismo e faremos un programa especial en "Radio Carcamán" o xoves 10 ás 13:30. Estade atentos!!