Páxinas

10/06/11

AS GAMELAS DO COLE

Crear e experimentar son dous xeitos fabulosos de aprender. O saben moi ben no terceiro ciclo de Educación Primaria, que levan tempo traballando na elaboración das súas gamelas en miniatura con cartulina e outros materiais. Con elas aprenderon as características destas embarcacións, e os aspectos que as diferencian doutras embarcacións tradicionais, como as dornas, as lanchas xeiteiras ou os galeóns. Eloy quixo facer a súa en madeira e non lle falta o máis mínimo detalle, ata ten a rede coa pesca do día. Esforzáronse moito todos, e fixeron un excelente traballo. Da gusto velas!!!

08/06/11

O SEGREDO DE 4º A

Nunha árbore que hai ó lado dunha ventà de 4ºA hai un niño dunha pomba torcaza. Ese niño descubrírono Paula Agra e Brais o día 12 de maio. Dende ese día non deixamos de mirala todos os días ao entrar na clase e ao vir do patio. O 16 de maio ao entrar na clase descubrimos que xa puxera os ovos. Dende ese dia a pomba torcaza non se moveu para nada a pesar do vento. E a comida traella unha pomba torcaza macho. Nunha pola da árbore os pitiños están incubándose, pero a pomba vixía ben ós seus fillos.
                                 E algo moi bonito e interesante á vez! 
Zaira García e Alba Serantes 4º A

06/06/11

DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

 Onte, 5 de xuño, foi o Día Mundial do Medio Ambiente. E que mellor xeito para celebralo que fomentar o coidado do noso entorno coa recollida selectiva de lixo, facendo compost no noso composteiro ou plantando novas especies no noso patio. Cada curso ten encomendado o coidado de dúas das árbores do noso patio, moitas das cales foron plantadas este mesmo ano, e que veremos crecer pouco a pouco. Aquí están os de 6º B facéndolle sitio  a unha das últimas especies en incorporarse á familia, un "Rododendro Fucsia".  Moi fermoso verdade?

30/05/11

CADRO CONMEMORATIVO DA PONTE

 Estes días rematamos un fermoso traballo, no que participou todo o alumnado do centro. Aproveitando que ó comezo do curso festexamos o aniversario da ponte, elaboramos un cadro conmemorativo do evento. Partindo dunha fotografía que fixeron os mestres, cada curso fíxose responsable dun anaco de cadro, no que colocou meticulosamente plastilina. Logo de semanas de traballo todos quedamos abraiados co resultado final. Agora só resta atoparlle un sitio para que adorne nos corredores do colexio. Polo de agora podedes velo diante da secretaría do centro.
  Unha obra de arte!!!

14/05/11

LETRAS GALEGAS 2011

A festa do Día das Letras Galegas encheu o patio do Torre Illa. En toda festa que sexa merecedora de levar tal nome ten que haber xogos. Os rapaces puideron desfogarse correndo dun lado a outro, participando en divertimentos herdados dos tempos dos seus avós, ou mesmo poñendo a discurrir o seu maxín para conseguir xogar unha partida de bolos no patio do colexio.

Pero ollo, que aínda houbo máis Letras Galegas nas "Lecturas embolsadas". Todo o patio quedou decorado polas bolsas de papel que a biblioteca municipal da Illa trouxo, e ás que o alumnado engadiu poesías, verbas e debuxos a prol do galego e do homenaxeado no Día das Letras Galegas, Lois Pereiro. Arredor da súa figura estiveron a traballar estes días todos no cole, visitando a exposición de carteis nos corredores do centro e traballando cos mestres e mestras nas aulas.
Podedes ver a notia de "La Voz de Galicia" no seguinte enlace:http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/05/14/0003_201105A14C16991.htm

29/04/11

MÁIS CONTOS NO PATIO

 Como estaba previsto, onte viñeron os personaxes do conto de "Brancaneves" para ler no patio con todo o alumnado. A expectación era moi grande, e  as nais non defraudaron, porque a lectura foi todo un éxito. E non é de extrañar, porque Sandra, Charo, Asun, Geli  e Pili o fixeron de conto, coa axuda, claro está, dos sete ananiños de Educación Infantil. 
Grazas a todas por participar e vir a ler ó cole!!!
A "Semana do Libro" rematou, e pronto poderedes atopar na biblioteca do cole a recopilación dos contos que quedaron no buzón de Libria estes días. Se aínda non o rematáchedes bulide, porque o buzón recollerase o luns. 

27/04/11

SEMANA DO LIBRO E DOS CONTOS


 Este curso  adicámoslle a "Semana do Libro" ós contos. Moitas actividades estes días xiran en torno a eles. Fixemos unha exposición no corredor da entrada, hai contos viaxando polas aulas e tamén escribimos e lemos moitos contos. Onte no recreo levamos unha sorpresa cando tres nais, Pili, Geli e Tuca, encarnáronse nos personaxes do conto "El León y el ratón", e o leron para todos.
A lectura maravillou a pequenos e maiores, que non esquezerán o conto que os propios personaxes lles contaron ese día no patio. A fantasía, a imaxinación e os libros seguirán estes días no cole da man doutras nais, e de máis contos. Estade atentos porque é posible que  mañá veñan os personaxes de "Brancaneves".

14/04/11

HISTORIA DUN CHÍCHARO

 
Agardando para entrar na sala
Hoxe desprazámonos ata o instituto "Francisco Asorey" de Cambados para ver a representación da compañía de teatro "Caracol" titulada "Historia dun chícharo". A obra é unha adaptación do conto da "princesa e o chícharo", na que unha raíña moi resabida argallou unha proba para saber se a dama que casaría co seu fillo era unha princesa de sangue real. Colocou un chícharo debaixo de vinte colchóns para comprobalo. O certo e que todos disfrutamos coa representación e as cancións, que foron sensacionais. A historia resultou moi divertida, non faltaron as sorpresas e o pasamos xenial!!!
Un instante da representación

02/04/11

A COCIÑA DA INCLUSIÓN EN INFANTIL

O alumnado de Educación Infantil elaborou onte unhas divertidas torradas con paté e queixo, e daba gusto velas e comelas. A actividade formou parte da conmemoración do Día Mundial para a Concienciación do Autismo. A receita atopáronna as nenas e nenos de Infantil nun dos libros con pictogramas que teñen na aula, e decidiron poñerse mans á obra. Todos saben da importancia dos pictogramas para as persoas con autismo, xa que lles axuda a entender mellor as cousas que acontecen ou deben realizar. Logo de seguir as explicacións e visualizar os pasos coa axuda dos pictogramas cociñaron as súas torradas. Estaban deliciosas!!!

30/03/11

OS CAMPIÓNS DO TORRE ILLA

Parte do alumnado de 3º e 4º de primaria desprazouse esta semana ó ceip San Roque de Corón, onde disputaron as competicións deportivas "Deporte na Escola". Xadrez, fútbol, baloncesto, badminton, voleibol e outras actividades deron conta dos grandes deportistas que temos no cole. Estas competicións, que organizan conxuntamente os centros da bisbarra, son unha gran ocasión para poñer en práctica o aprendido ó longo do curso.

16/03/11

TODOS PODEMOS


Este é o título do proxecto co que a biblioteca da Illa achegou aos nenos e nenas do noso cole a realidade do autismo. Primeiro tiveron ocasión de asistir a unha charla no cole, que ofreceron os profesores do Centro de Educación Especial BATA Os Mecos. E onte, sete nenos e nenas do colexio foron á biblioteca municipal da Illa de Arousa, e cada un levaba un conto para ler. Outros seis nenos do centro de BATA trouxeron tamén os seus contos, adaptados con pictogramas, para compartir con todos. A actividade resultou moi enriquecedora para todos os participantes.

14/03/11

SEMANA DA PRENSA 2011

O xoves 10 e venres 11 de marzo tivemos a "Semana da prensa na escola" e visitaron o noso colexio 3 xornalistas: Serxio González (La Voz de Galicia), Fito ( Faro de Vigo) e Suso Piñeiro (Diario de Arousa). Durante a súa visita tiveron ocasión de achegarse un intre a algunha das aulas, ter un encontro en "usos múltiples" co alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria, e tamén facer unha entrevista en "Radio Carcamán". O alumnado tivo ocasión de coñecer de man dos xornalistas moitos aspectos da profesión, e algúns consellos para escribir mellor. A biblioteca acolleu estes días máis prensa e revistas das que ten habitualmente. Nela tamén traballamos coas edicións dixitais dos xornais. Para escoitar o programa de Radio Carcamán e ver máis imaxes da visita mirade o seguinte video:

04/03/11

ENTROIDO 2011

Hoxe festexamos o Entroido no cole e polas rúas da Illa de Arousa. O tradicional desfile polas rúas rematou na praza do Regueiro, onde todos os cursos cantaron e bailaron a súa canción. Os ananiños do conto de Brancaneves de Educación Ifantil, os magos de 1º, os pintores e pintoras de 2º, as Lady Gaga e acompañantes de 3º, os cociñeiros e cociñeiras de 4º, os mimos de 5º e os zombis de 6º encheron de cor e alegría a xornada, e fixeron pasar un bo rato a todos os que se achegaron a velos no Regueiro. Tamén houbo algunhas indias, doncelas, diablesas e nenos de San Ildefonso, que hai quen non quere deixar marchar a boa sorte. Pasámolo en grande!

03/03/11

A CARBALLEIRA DA ESCOLA

O Torre Illa producirá un pouco máis de osíxeno gracias ás novas árbores que o alumnado e os mestres do colexio plantaron estes días. Son 13 carballos, 2 tilias e 2 sobreiras que, xunto cos bidueiros e moreiras que plantaron o curso pasado, farán un pouco máis verde o noso entorno escolar. O compost do noso composteiro daralle alimento a estas pequenas árbores, que medrarán cos coidados do noso alumnado, cada vez máis concienciados da importancia de coidar o medio ambiente para o futuro do planeta.

02/03/11

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA

O xoves 10 e o venres 11 de marzo será a "Semana da prensa na Escola". Virán ao cole tres xornalistas. Do "Faro de Vigo", do "Diario de Arousa" e de "La Voz de Galicia". Eles axudaránnos a entender un pouco máis o mundo do xornalismo e faremos un programa especial en "Radio Carcamán" o xoves 10 ás 13:30. Estade atentos!!

25/02/11

HOMENAXE A LUISA NO COLE

A ANPA do colexio organizou unha emotiva homenaxe para Luisa no seu derradeiro día de traballo. Foi unha sorpresa para ela, e participou toda a comunidade educativa, que quixo amosarlle o seu afecto e agradecemento por todos estes anos de dedicación e bo facer no seu posto. Entre bágoas e sorrisos recibíu agasallos, vítores e aplausos de todo o alumnado, das familias e dos mestres. E non faltaron os gaiteiros, antiguos alumnos que viñeron dende o IES para darlle un bico e tocarlle algunha canción. Seguro que non esquecerá esta merecida homenaxe. Lle desexamos a mellor xubilación do mundo á mellor conserxe do mundo!

24/02/11

O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o día de Rosalía de Castro, data conmemorativa do seu nacemento. Consagrada coma a poetisa galega de todos os tempos, deixamos aquí un fragmento dunha das poesías máis fermosas do libro "Cantares Gallegos" e un enlace para que poidades saber un pouco máis da súa figura.
As de cantar
As de cantar,
meniña gaiteira,
as de cantar,
que morro coa pena


Canta, meniña,
na veira da fonte,
canta, dareiche,
boliños do pote...


Papiñas con leite
tamén che darei,
sopiñas con viño,
torrixas con mel.


Patacas asadas,
con sal e vinagre
que saben a noces,
que ricas que saben!

11/02/11

REPORTAXE A LUISA NA SOLAINA


Todo o mundo sabe a tristura que temos no cole pola xubilación de Luisa. Todos estamos conmovidos pola súa marcha, e polas mostras de cariño e admiración de toda a comunidade educativa e de moitas persoas que tiveron ocasión de coñecela coma alumnos, nais, pais ou compañeiros. Tamén noutras páxinas e blogs da Illa de Arousa estanse a deixar verbas de afecto e cariño que non dubidedes que lle faremos chegar. Os últimos en dar conta desta noticia foron os do programa "A Solaina", da TVG. Para ver a reportaxe premede co rato no seguinte enlace: http://ww2.crtvg.es/mu/asolaina/2011/02/08/a-mellor-conserxe-do-mundo/

09/02/11

MIROSCOPIAS?

Xa está aberto o 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Este ano a mentira será o tema principal. Mentiras que desencadean historias coma as do Lobo Feroz, que minte á Carapuchiña, ou as de Pedro e o Lobo, Pinocho, o Gato con Botas...
Entre as exposicións que podedes atopar no Salón está a do Proxecto Miroscopio, que estivo no auditorio municipal da Illa de Arousa hai uns meses, e que xa visitou o alumnado de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Primaria. Todos tiveron a oportunidade de mirar polo artefacto chamado "Miroscopio" e "Miroscopiar", que é "mirar cara ó mundo con curiosidade e ilusión, atopando preguntas e buscando as súas respostas. É deixar que esa mirada que teñen todos os nenos siga voando alegre e libre".

28/01/11

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro é o Día da Paz e hoxe saímos ó patio para festexalo. O alumnado elaborou unha cadea de pombas da paz, e todos unidos no patio cantamos para lembrar que a paz é importante, e que temos que mantela na convivencia cotiá. Non faltou o Imno da Alegría, que varios nenos e nenas interpretaron cos instrumentos, e un baile que as nenas de 6º prepararon para a ocasión. Os corredores do colexio enchéronse estes días de murais, poesías e mensaxes de paz que fan máis presente aspectos como o significado da paz e os medios para acadala. Algúns deles estan na presentación da dereita "Paz".