Páxinas

24/02/11

O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o día de Rosalía de Castro, data conmemorativa do seu nacemento. Consagrada coma a poetisa galega de todos os tempos, deixamos aquí un fragmento dunha das poesías máis fermosas do libro "Cantares Gallegos" e un enlace para que poidades saber un pouco máis da súa figura.
As de cantar
As de cantar,
meniña gaiteira,
as de cantar,
que morro coa pena


Canta, meniña,
na veira da fonte,
canta, dareiche,
boliños do pote...


Papiñas con leite
tamén che darei,
sopiñas con viño,
torrixas con mel.


Patacas asadas,
con sal e vinagre
que saben a noces,
que ricas que saben!

11/02/11

REPORTAXE A LUISA NA SOLAINA


Todo o mundo sabe a tristura que temos no cole pola xubilación de Luisa. Todos estamos conmovidos pola súa marcha, e polas mostras de cariño e admiración de toda a comunidade educativa e de moitas persoas que tiveron ocasión de coñecela coma alumnos, nais, pais ou compañeiros. Tamén noutras páxinas e blogs da Illa de Arousa estanse a deixar verbas de afecto e cariño que non dubidedes que lle faremos chegar. Os últimos en dar conta desta noticia foron os do programa "A Solaina", da TVG. Para ver a reportaxe premede co rato no seguinte enlace: http://ww2.crtvg.es/mu/asolaina/2011/02/08/a-mellor-conserxe-do-mundo/

09/02/11

MIROSCOPIAS?

Xa está aberto o 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Este ano a mentira será o tema principal. Mentiras que desencadean historias coma as do Lobo Feroz, que minte á Carapuchiña, ou as de Pedro e o Lobo, Pinocho, o Gato con Botas...
Entre as exposicións que podedes atopar no Salón está a do Proxecto Miroscopio, que estivo no auditorio municipal da Illa de Arousa hai uns meses, e que xa visitou o alumnado de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Primaria. Todos tiveron a oportunidade de mirar polo artefacto chamado "Miroscopio" e "Miroscopiar", que é "mirar cara ó mundo con curiosidade e ilusión, atopando preguntas e buscando as súas respostas. É deixar que esa mirada que teñen todos os nenos siga voando alegre e libre".

28/01/11

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro é o Día da Paz e hoxe saímos ó patio para festexalo. O alumnado elaborou unha cadea de pombas da paz, e todos unidos no patio cantamos para lembrar que a paz é importante, e que temos que mantela na convivencia cotiá. Non faltou o Imno da Alegría, que varios nenos e nenas interpretaron cos instrumentos, e un baile que as nenas de 6º prepararon para a ocasión. Os corredores do colexio enchéronse estes días de murais, poesías e mensaxes de paz que fan máis presente aspectos como o significado da paz e os medios para acadala. Algúns deles estan na presentación da dereita "Paz".

A MELLOR CONSERXE DO MUNDO

Así describe o xornal La Voz de Galicia á nosa querida Luisa. O titular non puido ser máis axeitado, e os que compartimos a xornada con ela sabémolo ben. Ten encomendadas mil e unha tarefas, que leva a cabo sen perder o sorriso. E sempre está cando unha tripiña enferma precisa unha manzanilla, ou cando os mestres precisan dunha axuda par calquera actividade. A súa xubilación está moi próxima, e seguro que a botaremos en falta tanto os mestres coma o alumnado e as familias. Pinchade no seguinte enlace para ler a entrevista completa da Voz. http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/01/28/00031296173247150463492.htm

25/01/11

EL ELEFANTE ENCADENADO

Por qué un animal tan forte coma o elefante do circo permite que o manteñan atado a unha minúscula estaca? Esta é a pregunta que un neno quere resolver neste conto. É o único libro que Jorge Bucay escribiu para os nenos, e para os nenos "que habitan nas persoas maiores". Toda unha lección de sabeduría para lembrarnos que non temos que deixar de intentar acadar o que algunha vez non fomos quen de lograr. Se vos gusta neste video, podedes atopar o libro entre as novidades da biblioteca.

23/12/10

BO NADAL E FELICES FESTAS

A maxia chegou o cole Torre Illa nestas datas de Nadal. Primeiro coas representacións e panxoliñas no festival, e logo coa esperada visita das suas maxestades, os Reis Magos. A emoción e o nerviosismo palpábase dende primeira hora no colexio. Moitos foron os que quedaron abraiados con esta visita. Falaron dos regalos que están por chegar, deixaron algún que outro consello para o vindeiro ano e doces para todo o alumnado. E non faltou algunha sorpresa para os mestres, que onte marcharon moi ledos.
BO NADAL E FELIZ 2011!!!

22/12/10

FELICITACIÓN DE NADAL

Aquí tendes unha pequena mostra dos traballos de Nadal que estes días decoran as nosas aulas e corredores. Con eles fixemos esta montaxe para felicitarvos as festas. Bo Nadal!!
Para ver a presentación máis grande picade na "Felicitación de Nadal" da dereita.

17/12/10

CONTACONTOS NA BIBLIOTECA

O alumnado de Educación Infantil recibiu hoxe a visita duns contacontos moi especiais: Laura, Aldara, Begoña e Yanira. Estas catro nenas do centro prepararon na biblioteca municipal da Illa de Arousa unha fabulosa sesión de contos coa axuda da bibliotecaria.
A sesión resultou un éxito e todos quedamos abraiados co ben que o fixeron. O sonoro aplauso ao rematar deixou claro canto gustou. A fantasía, a imaxinación, os libros e a diversión voltaron encher a biblioteca do Torre Illa!!

16/12/10

POESÍA DO OUTONO

A piques de despedir o outono, as nenas e nenos de primeiro curso agasállannos con este fermoso poema de Antonio García Teijeiro. Non deixedes de pasar polo corredor dos primeiros a vela. Para vela máis grande picade na imaxe.

17/11/10

MAGOSTO

A choiva deunos un respiro e puidemos festexar o Magosto. Os xogos populares, as castañas asadas e os chourizos fixéronnos disfrutar a pequenos e maiores nesta tradicional xornada. E non faltou a exposición de buxainas decoradas ou peculiares. Se queredes voltar a velos, están na presentación da dereita "Magosto". Sodes uns artistas!!!

03/11/10

SAMAÍN 2010

Esta celebración de orixe celta encheu o colexio de contos de medo, libros con historias de cabazas animadas e moitas outras lendas relacionadas co Samaín. Pero o que máis deixou o Samaín no noso cole foron cabazas. Este ano quedamos todos impresionados coa cantidade e calidade dos traballos realizados polo noso alumnado e as familias, e queremos felicitarvos a todos e darvos as gracias por participar. Uns traballos xeniais!!!!
Para velas outra vez podedes picar na presentación da dereita "Samaín 2010".

15/10/10

RAQUEL C "NAVEGA E EDUCA"

"Raquel C" é o nome dunha goleta que tivemos ocasión de visitar esta semana, durante o seu amarre no porto do Xufre. Recibiunos toda a tripulación para amosarnos a embarcación e contarnos a historia deste peculiar barco, que pasou de ser un barco de pesca a piques de desguazar, a unha fermosa goleta. Foi unha experiencia única para coñecer algúns secretos de navegación que non esqueceremos.

16/09/10

ANIVERSARIO DA PONTE

Benvidos a este novo curso escolar 2010-2011!!! O comezo do curso ven marcado pola conmemoración do 25 aniversario da ponte da Illa de Arousa . O alumnado do centro xa está a visitar, xunto cos seus titores, a exposición no Auditorio Municipal. Nela coñecerán mellor o proceso de construcción desta obra arquitectónica, así como a trascendencia na historia da vila.

24/06/10

REMATE DO CURSO 2009-2010


O curso chegou ó seu fin, pero non sen a festa de final de curso na que desfrutamos cos xogos e a merenda de chourizos asados, refrescos e tortillas caseiras que o colexio, xunto coa ANPA organizaron para toda a comunidade educativa. Os momentos máis emotivos vivíronse na despedida ao noso querido mestre e compañeiro Angel, pola sua xubilación. Tampouco faltaron as fantásticas representacións teatrais e actuación do noso alumnado no festival de fin de curso, que gustou moito a todos.
Ata o vindeiro curso. Boas vacacións!!!

22/06/10

A ILLA DAS DORNAS

Este é o título dun proxecto de traballo que comezamos a desenvolver este curso. O obxectivo principal foi o de achegar ao alumnado a unha realidade cultural, social e lingüística que está desaparecendo e que cada día descoñecen máis, co valor engadido de que é a realidade máis inmediata e cercana, a vivida polos seus pais e avós. Realidade que está a mudar moi axiña, polos cambios en canto á forma de vida e no principal modo de sustento para a maior parte das familias da Illa de Arousa: O mar. Con este ambicioso obxectivo iniciamos este proxecto, orientado hacia o terceiro ciclo da Educación Primaria. No video que podedes ver baixo estas liñas están as actividades máis salientables deste curso . Agradecemos moi especialmente a colaboración da ACD Dorna, sen a cal no se poderían levar a cabo algunhas destas actividades.

21/06/10

A MASCOTA DA BIBLIOTECA

A biblioteca do cole xa ten a sua mascota. Isabel Cristina, de 2º A, gañou o concurso con "LIBRIA". Ela xa está agardando que chege o vindeiro curso para amosarvos todas as novidades que se están a preparar na biblioteca. E non vos esquezades de viaxar cos libros este verán!!!

11/06/10

VISITA DA GALIÑA AZUL

Hoxe visitáronnos os nenos e nenas da gardería da "Galiña azul", para coñecer un pouco como será o seu cole o vindeiro curso. Visitaron todalas aulas de Educación Infantil e tiveron tempo de pintar, cantar e xogar cos nenos que foron coñecendo nelas. Tamén lles gustou moito o circuito que os mestres Carlos e Susa lles prepararon no pavillón de deportes. O pasaron de medo e seguro que xa están desexando voltar.

19/05/10

LETRAS GALEGAS 2010

Este ano festexamos o Día das Letras Galegas coñecendo un pouco máis a vida e obra do homenaxeado, Uxío Novoneyra. E non faltaron os xogos tradicionais, un concurso ortográfico e as "Lecturas embotelladas", que fixemos coa colaboración da Biblioteca Municipal da Illa de Arousa. As botellas, moi ben decoradas, gardaban no seu interior contos, poesías, palabras ou debuxos. UNHAS OBRAS DE ARTE!!!

30/04/10

DIA DO LIBRO


A semana pasada conmemoramos o Día do Libro con varias actividades . Algúns nenos e nenas cambiaron de aula durante uns minutiños para ler algunha cousa noutra aula e a biblioteca volveu a acoller lecturas durante os recreos. Nesta ocasión de nenos e nenas, e non de mestres coma o ano pasado. Tivemos a actuación dun contacontos, "Marionetto". E tamén fixemos unha exposición na entrada do cole cos marcapáxinas que elaboramos estes días.